Novas

T. 22/23 – X. 24 | PREVIA

Abr 5, 2023

Semana Santa si, pero o sábado ás 18:30h todos na Seca. A consigna é clara nestes últimos meses: a nosa casa debe ser un fortín e a nosa afección, os mellores escudeiros. Recibiremos ó 12º clasificado, Sala Zaragoza, que aventaxa nun punto a zona de descenso.

Por desgraza, esta semana confirmamos que Marta Peñalver non volverá vestir a camisola vermella esta tempada debido á súa rotura do ligamento cruzado no xeonllo dereito. Asemella que estamos abonados ás lesións nas segundas voltas das ligas. Agardamos poder dedicarlle o triunfo este sábado. Na parte positiva, Dani Sousa marcou no seu segundo partido tras recuperarse, mentras que en Majadahonda volveu ter minutos Dupuy, o que non ocorría dende o 7 de xaneiro, na vitoria ante Marín, trala cal se perdeu oito encontros. Anna tamén será baixa, por problemas físicos no último adestramento da semana.

Coa idea de manter o segundo posto (incluso seguir recurtando puntos ó líder) e volver gañar ante o noso público, despois do empate contra Alcorcón, xogaremos fronte a un Sala Zaragoza que vén de superar por 3 – 2 ó Teldeportivo, rival directo pola permanencia, sumando tres puntos que as sacaron do descenso. O conxunto maño promete espectáculo, pois en todos os seus partidos marca e encaixa algún gol. Así, é o cuarto máis goleador (73 tantos, por 72 nosos) e o terceiro que máis recibe (107, por 27 no noso caso). Lonxe das súas terras só lograron unha vitoria, por 5 – 9 en Marín. Na primeira volta gañamos por 2 – 3 na súa pista, na que empataron Futsi e Burela.

Na hemeroteca atopamos seis partidos de liga e un de copa, dando unha bagaxe total de 5 triunfos conserveiros, 1 empate e 1 vitoria zaragozana. Na Seca, os tres precedentes saldáronse cos puntos quedándose en casa. Coma recordo infrutuoso, a eliminación o curso pasado en Copa da Raíña en oitavos de final, decididos na tanda de penaltis.

CATEGORÍA: Previas