Novas

T. 22/23 – X. 25 | PREVIA

Abr 14, 2023

Sábado de moito autobús e fútbol sala co desprazamento do noso plantel a Leganés, club que é undécimo con 21 puntos, dous máis que o descenso. O partido será ás 19h no pavillón La Fortuna e poderá verse en directo a través deste enlace.

Volvemos viaxar a terras madrileñas despois de gañar en casa ó Sala Zaragoza por 6 – 0, sendo o primeiro equipo que as deixa sen marcar. Con anterioridade, fixemos o mesmo sendeiro pero cara a Majadahonda, onde vencemos por 1 – 4. Actualmente mantemos o segundo posto en liga, a tres puntos do Futsi e dous por riba do Burela, o que da boa fe da tempada histórica na que estamos inmersas. Coa baixa permanente de Marta Peñalver, volve non estar convocada Anna, que segue con molestias. A expedición partirá no propio sábado dende A Seca e volverá tras rematar o duelo.

No lado pepinero, a semana pasada venceron en Gran Canaria por 1 – 2, distanciando a un rival directo e saíndo dos postos de descenso. Os seus números en casa ou fóra son moi semellantes, con tres vitorias en cada caso, aínda que na súa cancha suman un punto máis (11) que lonxe dela (10). Totalizan 60 goles a favor e 100 en contra, sendo o cuarto equipo máis goleado.

Na primeira volta gañamos cun reñido 2 – 1. Este triunfo permitiu manter a impecable xeira contra o Leganés, a quen superamos en todos os enfrontamentos que tivemos en Primeira División, dende a campaña 2016 – 2017, un total de doce veces. Habería que remontarse ó curso 2012 – 2013, en Segunda División, para ver un empate (1 – 1) no seu pavillón.

Que estes datos sirvan coma acicate, nunca coma relaxación, para sumar tres puntos que nos manteñan entre os postos de privilexio en liga!

CATEGORÍA: Previas