Novas

T. 23/24 – X. 25 | PREVIA

Abr 19, 2024

Remataron os paróns na liga. Comeza a recta final da tempada co recibimento do Leganés (sábado, 18:30h), equipo que é pechacancelas, sen opcións de lograr a permanencia.

Como reza o lema desta campaña, conservamos a ilusión nos momentos difíciles e agora dependemos de nós mesmas para estar por segundo ano consecutivo no playoff polo título de liga. Despois de oito vitorias seguidas (nove, contando a final de Copa Galicia), descansamos a pasada fin de semana, na que se celebrou a final a oito da Copa da Raíña. Por diante, un mes e medio de competición para dalo todo e demostrar que seguimos na pelexa polos títulos nacionais.

Visítanos o CD Leganés, que con 4 puntos xa non ten opcións de continuar en Primeira División tras oito cursos seguidos na elite. Veñen de encaixar a súa derrota máis avultada, un 1 – 9 contra o Viaxes Amarelle, xusto despois de lograr a súa primeira vitoria, por 2 – 3 en Majadahonda. O conxunto pepinero, que chegou a encadear 18 derrotas consecutivas en liga (19 coa Copa), é o menos goleador (33) e o máis goleado (133). Nas súas filas está a ex vermella Paula Agostina Chiesa.

Na primeira volta vencemos por 1 – 5 e mantivemos a xeira contra o equipo do sur de Madrid, ó que superamos sempre en Primeira División (14 precedentes).

CATEGORÍA: Previas