Regresa a liga a Poio tras un mes (e non haberá outro partido na Seca unha vez máis ata cinco semanas despois) con outro derbi, esta vez fronte ó Ourense Ontime, décimo clasificado. O partido será o domingo ás 12 horas, en directo pola TVG 2 e por Sinopsis Vuvuzela.
Buscaremos mellorar a moral tralo golpe da última xornada, na que caemos derrotadas no derradeiro momento en Les Corts, sendo a segunda derrota consecutiva actualmente. Con 35 puntos, estamos igualadas na táboa con Castro e Les Corts, a 7 puntos do playoff que marca Roldán e co Alcorcón de por medio (quinto). Para este derbi recuperamos a Candela, mantemos a baixa de Anna Escribano, cae da lista Rocío Molina e se estrean nunha convocatoria ligueira dúas canteirás: Irene Rozas (xuvenil) e María Guiance (cadete), ambas habituais no noso filial pese á súa xuventude. Irene Rozas xa debutara co primeiro equipo na presente campaña en cuartos de final de Copa Galicia, marcando un gol no 0 – 7 en casa do Viaxes Amarelle.
Xusto coa dinámica oposta visítanos o Ourense, despois de gañar ó Alcantarilla e ó Teldeportivo. De feito, venceron tres dos seus últimos catro encontros, subindo varios chanzos na clasificación e alonxando o descenso a 7 puntos. Nos nove enfrontamentos de segunda volta xa sumaron os mesmos puntos que en toda a primeira. Do total de 26 que acumulan, 11 conseguíronos lonxe dos Remedios. Rexistran 48 goles a favor (nós 65) e 66 en contra (47 no noso caso).
Na primeira volta superáronnos por 4 – 3, rematando coa nosa xeira de cinco triunfos seguidos en liga na súa pista. Entre todas as competicións a bagaxe está igualada con 12 vitorias para cada club e 5 empates. En concreto para a Primeira División: 11 triunfos aurienses, 10 conserveiros e 2 empates.