Novas

T. 23/24 – X. 26 | PREVIA

Abr 26, 2024

Espectáculo é o que se prevé no partidazo que temos esta xornada, pois visitamos ó Futsi Atlético Navalcarnero, segundo clasificado en liga. Por iso, Teledeporte retransmitirá en directo este duelo ás 10 da mañá do sábado, co que se abrirá unha nova xornada en Primeira División.

Remataron as nosas múltiples xeiras positivas coa inesperada derrota da pasada fin de semana en casa contra o colista e descendido Leganés. Duro golpe do que hai que repoñerse se queremos manter a cuarta praza, pois o Alcorcón está a un só punto de distancia. O equipo viaxará esta tarde e fará noite en terras madrileñas coa mente posta en gañar e seguir dependendo de nós mesmas. Entre as convocadas contamos coa novidada da porteira do filial, Estela Fernández García, que substitúe a Sandra Buzón.

O conxunto albivermello avantáxanos en 9 puntos e enlaza catro vitorias seguidas en liga. Venceron a semana pasada na pista do Amarelle, logo de perder a final da Copa da Raíña fronte ó Melilla. Na súa cancha só caeron ante Burela e Móstoles, colleitando oito triunfos de local dende entonces. Son o equipo máis goleador da liga (109 tantos a favor, por 75 nosos), aínda que son o que máis goles recibe dos oito primeiros clasificados (66, por 51 no noso caso). Marcaron nos 31 partidos oficiais da tempada e só nunha ocasión deixaron a súa portería a cero. Para este enfrontamento recuperan a Ana Luján, unha das súas referentes, tras unha lesión de longa duración.

Na primeira volta empatamos a cinco goles, despois de que nos igualasen un 5 – 1. Do total de 22 duelos entre ambos clubes en liga e copa, 17 vitorias acumula o Futsi, por 3 nosas e 2 empates. Dúas veces logramos gañar no pavillón de La Estación, nas campañas 2016 / 2017 e 2017 / 2018. Dende entón, seis visitas que resultaron con derrota.