Novas

T. 22/23 – X. 27 | PREVIA

Mai 5, 2023

O último mes da tempada regular de liga sae á palestra. Despois do último parón, para celebrar a fase final da Copa da Raíña, gañada polo Burela, entrou maio coas súas catro xornadas decisivas por diante. Así, abriremos a fin de semana este sábado ás 12h visitando a pista do Roldán, sexto clasificado con 42 puntos, pero que vén de desputar a súa primeira final copeira, caendo pola mínima ante o equipo de Julio Delgado e eliminando en semifinais ó Futsi.

No noso caso, tivemos uns días extras para descansar e preparar este tramo final, ó quedar eliminadas do torneo do k.o. en oitavos. Coa mente posta en lograr a quinta vitoria consecutiva e a terceira lonxe de Poio, viaxaremos hoxe (venres) en avión dende Santiago a Alacante, para facer noite en Murcia. Todo o plantel, coa excepción de Marta, está dispoñible para Luis López-Tulla.

O STV Roldán, un clásico entre os grandes dos últimos anos, non ten opcións de chegar ó playoff (está a 15 puntos cando restan 12 por xogarse). Vén de empatar en casa do Teldeportivo e enlaza tres partidos seguidos sumando, pois con anterioridade venceu o derbi murciano contra Alcantarilla e levou os puntos da Coruña ante Amarelle. Non mostran apenas diferenzas entre ser local (22 puntos) ou visitantes (20). No seu haber, 71 goles a favor e 73 en contra. Iso si, o seu fabuloso rendemento copeiro demostra que poden gañar a calquera e de boa fe procurarán facelo contra nós.

Este partido será o noso vixésimo duelo oficial. Dos 19 anteriores, gañámoslles 7 (un deles, o único que tivemos en Copa da Raíña), empatamos 3 e perdemos 9. Certo é que en Torre Pacheco téñennos collida a medida, xa que alí nos superaron en seis das nove visitas que lles fixemos. A nosa última vitoria no pavillón Gabriel Pérez data da tempada 2016 / 2017. Dende entón, catro derrotas e un empate. Nesta campaña xa logramos vencelas na primeira volta (2 – 0) e en caso de repetir triunfo, sería a primeira vez que lles gañamos ambos enfrontamentos nun mesmo curso.

CATEGORÍA: Previas