Duelo do máximo nivel no fútbol sala feminino mundial o que veremos este sábado ás 18:30h na Seca. Recibimos ás recentes campioas da Copa da Raíña, o Torreblanca Melilla, equipo que en liga é 3º con 58 puntos (avantáxanos en 9 e cun partido menos).
Moi valioso foi o punto que rañamos con moito esforzo a semana pasada en Navalcarnero, que supuxo volver puntuar en dita pista tras seis derrotas seguidas alí. Nun partido que marcou o regreso de Anna Escribano ás canchas despois dunha lesión de xeonllo que a mantivo en recuperación dende o pasado verán, viuse a un Poio máis cómodo defendendo que atacando, ó contrario que contra o Leganés. Dous son os puntos de marxe sobre o Alcorcón, quinto clasificado, polo que debemos dar unha alegría á Marea Vermella vencendo a un rival tan forte como o Melilla para soster a praza do playoff polo título. Cos últimos resultados, a escadra conserveira suma 23 puntos en casa por 26 lonxe dela.
O conxunto dirixido por un ex do Poio como Gonzalo Iglesias, Morenín, enlaza seis vitorias consecutivas, tres en liga e tres na final a oito da Copa. Só perderon un dos seus últimos 19 enfrontamentos e cun triunfo (ou un empate, dependendo do resultado do Alcorcón), poderían certificar matematicamente a súa presenza no playoff. Son o cuarto vestiario máis goleador (88 tantos, por 76 nosos) e o segundo que menos encaixa (45, por 52 no noso caso). Non teñen unha goleadora destacada, senón tres: Bia (17), Amandinha (16) e Ana Luiza (16).
Sete son os precedentes entre ambos clubes, incluíndo o 3 – 0 que nos endosaron na primeira volta da campaña actual. En total, 2 vitorias vermellas, 3 empates e 2 triunfos melillenses. Na Seca sumamos dous deses empates e unha vitoria fai dúas tempadas.