Novas

T. 24/25 – X. 27 | PREVIA

Abr 25, 2025

Transcorrido o derradeiro parón na competición, volve a Primeira División e tócanos viaxar por segunda xornada consecutiva. Visitaremos ó Alcorcón (sábado, 16h), quinto clasificado con 42 puntos, catro máis que nós.

O noso último partido, en Melilla, foi bo, pero se saldou con derrota por 2 – 0. O playoff non será posible esta tempada, mais debemos pelexar os catro choques ligueiros restantes para rematar o máis alto posible na clasificación. No pavillón de Los Cantos gañamos 0 – 1 en decembro na Copa da Raíña e rachamos co maleficio de nunca entrar á final a oito. Nesta convocatoria non estarán Anna Escribano nin Miri, pois a segoviana mancouse de gravidade esta semana na súa convocatoria coa Selección Española sub-19.

A escadra alfareira vén de vencer 2 – 3 en Guadalcacín e apura as súas opcións de entrar no playoff polo título, que ten a 6 puntos. Como local vén de perder ante Burela e empatar contra Móstoles. Dos seus 42 puntos, 23 logrounos en casa, onde na segunda volta non se están mostrando tan contundentes. Suman 88 goles a favor (67 nós) e 62 en contra (por 50 no noso caso).

Un total de 25 duelos previos existen entre ambos clubes, con 12 vitorias vermellas, 3 empates e 10 triunfos amarelos. A xeira actual sorrí ó noso equipo, pois dos últimos 8 enfrontamentos non perdemos ningún (6 vitorias e 2 empates). Ademais, sumamos 5 triunfos seguidos en terras madrileñas, onde non caemos dende o 18 de xaneiro de 2020 (4 – 0).

CATEGORÍA: Previas