Novas

T. 22/23 – X. 28 | PREVIA

Mai 12, 2023

Unicamente tres partidos de liga regular quedan por diante e nos dous que temos como locais, recibiremos a clubes confirmados para o playoff polo título (Melilla e Burela, respectivamente). Isto non significa que non haxa nada en xogo. Todo o contrario. Este sábado (A Seca, 18:30h) debemos vencer ó conxunto adestrado por Morenín (ex do Poio en dúas etapas) para manternos segundas e seguir pelexando o primeiro posto, coa intención de ter o factor cancha nas eliminatorias. Enfronte, o Melilla Sport Capital Torreblanca, 4º con 60 puntos, dez menos que nós.

Na volta á competición, tralo parón da Copa da Raíña, tocábanos un esixente mes de maio, que iniciamos cun espléndido triunfo en casa do Roldán a pasada semana, o quinto seguido. Nesta xornada, aparte da coñecida ausencia de Marta, volve ser baixa por lesión Dupuy. Recordamos á nosa afección que aqueles que sacasen entrada para o anterior partido, contra o Ourense CF, poderán entrar mañá coa mesma. Ademais, para favorecer o fervor nas bancadas, volveremos facer sorteos de merchandising entre quen acuda con vestimentas vermellas. O equipo notou o alento da Marea Vermella no pasado derbi fronte ás ourensás e queremos repetir sensacións positivas na Seca.

Recibimos a un Melilla que, segundo os datos, está no seu mellor momento do curso. A pasada xornada venceron ó Teldeportivo (3 – 1) e certificaron matematicamente a súa clasificación á fase polo campionato. Oito son os enfrontamentos consecutivos que enlazan sen perder, cedendo tan só dous empates e gañando tanto a Burela como a Futsi (as de Navalcarnero vingáronse eliminándoas en cuartos de final da Copa). Dos seus 60 puntos, 39 sumáronos en casa e 21 lonxe dela. Nas súas filas, xogadoras do talento de Amandinha, recoñecida oito veces como a mellor do mundo, Bia, pichichi da liga con 31 goles, ou reforzos invernais do máis alto nivel como Nega. Así pois, o plantel melillense conta con nove integrantes de Brasil, dúas arxentinas, dúas ucraínas e dúas españolas (as que máis tiempo levan no club).

Na primeira volta, vencemos 0 – 2 no pavillón Javier Imbroda, o que significou ser o único equipo que, directamente, non perdeu na súa pista, así como a excepcional vez que quedaron sen marcar nun partido esta tempada. Mirando máis atrás, enfrontámonos nas dúas campañas anteriores, dende que ascenderon a Primeira. Na Seca, superámolas 5 – 4 fai un ano e empatamos 1 – 1 en 2021. Como visitantes, perdemos 5 – 2 na primeira viaxe a Melilla, empatamos 2 – 2 na 2021 / 2022 e, como xa dixemos, vencemos neste curso.

CATEGORÍA: Previas