Dous partidos e ambos son derbis. Ese é o camiño que nos queda antes do histórico playoff que desputaremos e para o cal, precisamente, nos xogamos todavía o posto de liga regular co que nos clasificaremos. Este sábado (17h) cruzaremos a Ría de Pontevedra no desprazamento máis curto de todos, a Marín, agardando a mobilización dos nosos afeccionados para sentirnos como en casa.
Despois de cinco vitorias consecutivas, empatamos a semana pasada ante o Melilla, cun gol de Luci a 15 segundos do final, nun partido entre dous equipos que loitarán polo título de liga. O punto afástanos a tres do líder, mentras que o Burela, terceiro clasificado, sitúase a dous de nós, xogando a última xornada entre ambos clubes. Mantemos as baixas de Marta e Dupuy, pero o resto do plantel está dispoñible para Luis López-Tulla.
Enfronte, un Marín Futsal que é décimo con 32 puntos, un chanzo que ten remotas opcións de mellorar. Pouco en xogo, por tanto, para o vestiario de Ramiro Díaz, que o pasado mércores perdeu a final da Copa Galicia ante o Burela e que chegou a cuartos de final na Copa da Raíña. En liga, venceron os seus dous últimos partidos, ante Teldeportivo e Alcantarilla. Na súa pista enlazan cinco enfrontamentos sen perder, incluíndo (coma nós) un 2 – 2 ante o Melilla. Contan coa recente baixa de Ceci, ex conserveira.
De todas formas, os números quedan aparte ó tratarse dun derbi, como xa se viu na primeira volta, onde gañamos cun sufrido 3 – 2 no Príncipe Felipe. Con anterioridade, logramos superalas tamén nos dous partidos de liga da tempada pasada (a do seu debut en Primeira), así como en cuartos de final da Copa Galicia.