Aínda que agardamos que non o sexa, neste momento dicimos que este sábado (18:30h) xogamos o último partido de liga en casa, un derbi contra o Marín Futsal que podería darnos a clasificación matemática ó playoff polo título de liga.
Vital foi o triunfo da pasada fin de semana en casa do LBTL Futsal, o segundo consecutivo, que nos permitiu manter os catro puntos de vantaxe sobre o Alcorcón, único rival pola praza de playoff. Demostramos, con creces, que o golpe do Leganés hai que deixalo en anécdota, posto que despois empatamos en Navalcarnero e vencemos ó Melilla e ó equipo de Alcantarilla, tres conxuntos moi fortes da Primeira División. Só un paso nos separa do obxectivo da tempada, un Derbi da Ría que ten que ser unha festa do fútbol sala, pero tinguida de cor vermella. Ademais de Marta Peñalver, Anna Escribano non está convocada.
No seu mellor momento da campaña vén o Marín Futsal, 13º clasificado, é dicir, fóra dos postos de descenso. O grupo adestrado por Ramiro Díaz sumou dez dos últimos doce puntos, o que lles convirte no equipo máis en forma, xunto ó Futsi, do último mes de liga. Esta remonta por saír da queima viuse culminada coa vitoria fronte ó seu rival directo, Viaxes Amarelle, o pasado sábado. Un triunfo no derbi podería certificar a súa salvación en Primeira División (se o club da Coruña perde).
O último duelo entre ambos conxuntos tivo lugar en Pontevedra, na final da Copa Galicia, que levamos cun 2 – 1 moi axustado e na prórroga. Con anterioridade, vencemos 0 – 5 na primera volta de liga. Vai ser, todavía, a segunda vez que este enfrontamento se celebre na Seca, posto que no pasado curso xogouse no Príncipe Felipe, polas obras do noso pavillón. En total, os sete precendentes de partidos entre ambos clubes verten unha favorable bagaxe conserveira de 6 vitorias e 1 empate.