Novas

T. 24/25 – X. 29 | PREVIA

Mai 16, 2025

O noso derradeiro partido como visitantes nesta campaña queda en terras galegas, concretamente, en Castro de Rei. Será un derbi contra o FSF Castro, equipo que nos precede no sétimo posto con 42 puntos, un máis que nós. Disputarase este sábado ás 17:30 horas.

Chegamos a este duelo despois de gañar na xornada pasada ó Móstoles, rematando coa xeira de catro enfrontamentos sen vitoria (contando o empate contra Roldán na Copa da Raíña, aínda que pasamos nos penaltis). A mira está posta nun triunfo que sirva para subir chanzos na táboa, así como de reválida pola eliminación en Copa Galicia. Todo o equipo agás Anna Escribano e Miri estarán dispoñibles.

Gran segunda volta de curso está realizando o equipo de Chipi, alentado polos reforzos de inverno. Suman 24 puntos dende a 16ª xornada, cando nas 15 primeiras conseguiran 18. Ademais, estiveron moi preto de gañar a final da Copa Galicia ó Burela, así como de entrar na final da Copa da Raíña (caeron a penaltis contra o Melilla). Precisamente as norteafricanas vencéronas no choque do pasado sábado por 1 – 0, rachando coa xeira lucense de cinco partidos sen perder en liga. Non destacan en ataque, con 53 goles (nós 73), pero si en defensa, sendo o segundo conxunto que menos encaixa (52 tantos, por 56 nosos).

Catro precedentes existen entre ambos clubes, cunha vitoria para cada un e dous empates.

CATEGORÍA: Previas