Terceira fin de semana de liga e plantámonos no Derbi da Ría. Sen moita emoción debido ó calendario, este sábado visitaremos o pavillón da Raña ás 17 horas, no cal agárdase vivir outro gran ambiente cunhas afeccións ás que tan ben lles está vindo esta sana rivalidade.
Pola nosa parte, situámonos en quinta posición despois de gañar en Gran Canaria e empatar (sobre a bucina) en casa contra o Futsal Alcantarilla. Como sinalou Chuli en rolda de prensa, teremos que levar o peso do partido e estar moi preparadas no aspecto físico.
Na casa branquiazul houbo moitos cambios este verán, destacando a saída do adestrador, Ramiro Díaz, logo de dúas campañas e un anuncio de renovación trala final da Copa Galicia que apenas durou uns minutos nas súas redes sociais. O novo técnico, Daniel Fernández Álvarez, More, estreouse vencendo 4 – 2 ó Les Corts no cuarto curso en Primeira División do conxunto marinense. Na pasada xornada, caeron por 3 – 1 en Málaga ante o Atlético Torcal. Ocupan a oitava posición.
Oito son os precedentes entre ambos clubes. Vencemos os dous de Copa Galicia, incluíndo a final da pasada tempada. Nos seis duelos de liga, a bagaxe é de cinco triunfos conserveiros e un empate.