Último e á vez primeiro. Así é este derbi ante o máis que coñecido Burela FS. Último, en canto que con él péchase a liga regular. Primeiro, porque é o inicio dunha serie de tres ou incluso catro partidos consecutivos entre ambos equipos, pois seremos rivais na semifinal do playoff polo título. Na clasificación, estamos empatadas a 72 puntos, pero a mellor diferenza de goles sitúa ó equipo de Julio Delgado por diante.
Pola nosa parte, vimos de enlazar dous empates consecutivos contra Melilla e Marín que provocan a caída ó terceiro posto, o que obriga a gañar mañá (sábado, 18:30h) se queremos rematar a liga coma segundas. En todo caso, mantemos a xeira de partidos sen perder en dita competición (só caímos na xornada dúas en Navalcarnero) e seguimos sendo o equipo menos goleado con 33 tantos en contra, valor a poñer a proba ante as máis goleadoras (158 veces marcaron, unha media de máis de 5 por duelo).
No conxunto da Mariña, que este ano xa levantou a Supercopa de España, a Copa da Raíña e a Copa Galicia, catro partidos enlazan gañando, despois de empatar co Futsi. A súa última derrota foi o 4 de marzo en Melilla (2-1). Un valor a ter en conta é que só deixaron a súa portería a cero en catro ocasións (por dez no noso caso), o que compensan coa súa faceta goleadora, tendo á segunda máxima artilleira, Emilly, con 28 goles, e á terceira, Irene Samper, con 25 (empatada con Alicia Benete e Marta de los Riscos). As súas tres derrotas e un dos seus tres empates déronse como visitantes.
Este será o cuarto partido entre ambos clubes nesta campaña (empate en pretempada e na primeira volta de liga, e vitoria burelesa en Copa Galicia). Cruzámonos en todas as competicións un total de 23 veces, con saldo de 2 triunfos vermellos, 4 empates e 17 vitorias laranxas. Gañámoslles unha vez en liga (2 – 0 no curso 2016 / 2017) e outra na final da Copa Galicia de 2018 (4 – 5), a segunda do noso palmarés. Tales diferencias reducíronse nos últimos tempos, pero séguesenos resistindo a vitoria, que agardemos chegue nesta tempada que tan especial e chea de récords está sendo.