Cos deberes feitos viaxamos por primeira vez á pista do FSF Castro para desputar un partido de liga en Primeira División (sábado, 19 horas), que será o último da campaña regular.
Despois de vencer o Derbi da Ría e clasificarnos matematicamente para o playoff polo título de liga como cuartas, o obxectivo do curso está cumprido. Un total de 11 vitorias, 1 empate e 2 derrotas na segunda volta de liga confirmaron a espectacular remonta do noso equipo, que ó finalizar a 16ª xornada era noveno, a 11 puntos do playoff. Unha meta para o derbi en Castro de Rei pode estar en converternos, por segundo ano seguido, no equipo menos goleado da liga. Agora mesmo éo o Burela, con 51 tantos encaixados (nós, 53). Manteremos as baixas de Marta Peñalver e Anna Escribano.
Na casa do FSF Castro tamén están de celebración. O empate colleitado na pasada xornada na pista do Viaxes Amarelle confirmou a súa permanencia, no ano do seu debut na máxima categoría. Con 32 puntos ocupan a 12ª praza, aínda que se nos gañan, poderían chegar a subir ata dous postos na clasificación, dependendo dos resultados do Atlético Torcal e de Les Corts. Como local sumaron 19 do seu total de puntos. A segunda volta de liga custoulles un pouco máis, pois gañaron 3 partidos, empataron outros 3 e perderon 8.
O único precedente oficial é o da xornada 15 do presente curso, na Seca, cun resultado de 2 – 2 no derradeiro partido do 2023.