Novas

T. 23/24 – X. 4 | PREVIA

Out 6, 2023

Estamos xa no mes de outubro coa cuarta xornada de liga en xogo, a segunda na que seremos locais. Recibiremos o sábado á hora habitual (18:30) ó Rayo Majadahonda, coa intención de volver sumar tres puntos e facelo ante a nosa afección por primeira vez nesta campaña.

Como dixo Elena na previa, “era cedo para ter dúbidas”, respecto a esas dúas derrotas coas que iniciamos a liga. O triunfo en Móstoles serviu de inxección de moral para entrar na dinámica positiva que toca afianzar fronte ó Rayo, conxunto que ocupa a penúltima praza con tres derrotas (contra Móstoles, Alcorcón e Amarelle). A escadra madrileña suma 4 goles a favor, os mesmos que nós, pero 17 en contra, sendo a máis goleada xunto co Leganés. Pola nosa parte, mantemos as baixas de Marta e Anna.

No duelo do curso anterior na Seca, vencemos por 12 – 0, a nosa vitoria por máis goles en Primeira División. Tamén logramos gañar na súa cancha, por 1 – 4. En total, dos 15 duelos na máxima categoría entre ambos clubes, 9 saldáronse con vitoria conserveira, 3 con empate e 3 con triunfo rayista. Iso si, en Poio, de 7 partidos gañamos 6, perdendo soamente na primeira vez que nos visitaron, en 2015.

CATEGORÍA: Previas