O segundo mes de liga depáranos o regreso a unha pista de moi grata lembranza, a do Rubí FS, onde ascendemos a Primeira División en 2013. O partido será o sábado ás 17 horas.
Tras vencer in extremis ó Guadalcacín, escalamos á sexta praza en liga, con 7 puntos de 12 posibles. Ademais, entre semana, gañamos en cuartos de final por 0 – 7 ó Viaxes Amarelle, nun encontro con rotacións e tempo para as canteirás Iria Tilve, Sofía Rozas e Irene Rozas, que disputaron os seus primeiros minutos oficiais co primeiro equipo vermello (inclusive con goles para Sofía e Irene, así como asistencia para Iria).
A escadra de Rubí regresa á máxima categoría tralo seu descenso en 2017. Polo momento ocupan o penúltimo posto cun empate e tres derrotas (tan só 2 goles a favor, por 20 recibidos). Todo hai que dicilo, viuse superado por grandes conxuntos como Burela, Futsi e Melilla. A igualada certificárona como locais contra o Móstoles.
Na hemeroteca, vía ACFSF, atopamos catro precedentes en Primeira, con tres vitorias barcelonesas e unha pontevedresa. Na fase de ascenso de 2013, vencéronnos 3 – 4 na Seca (de feito, sempre nos gañaron en Poio), pero remontamos a eliminatoria cun 0 – 2 en La Llana.