Novas

T. 26/27 – X. 5 | PREVIA

Out 23, 2026

Terceiro partido da semana e segundo consecutivo de liga na Seca. Este sábado ás 13 horas recibiremos á AD Ceuta, nun encontro correspondente á quinta xornada de Primeira División.

Poñéndonos un tanto dramáticos, a xeira de dous partidos sen gañar (un antes do parón, que rematou en empate, e outro despois, o que supuxo a primeira derrota) acabou o pasado martes coa vitoria por 0-3 ante o Bembrive FS na Copa Galicia. Certo é que, na liga, esa serie segue vixente. Só van catro xornadas e ocupamos a sexta posición con 7 puntos, polo que aínda é cedo para sacar conclusións. Iso si, sumar mañá os tres puntos é imprescindible para as nosas aspiracións. Están convocadas todas as futbolistas agás Èlia e Yanira, sendo esta última substituída por Estela, do filial.

O noso rival, a AD Ceuta, é 14ª cun punto e ocupa postos de descenso. Perdeu como visitante en Alcantarilla e Roldán, mentres que na casa empatou co Castro e perdeu a semana pasada por 1 – 5 ante o Alcorcón. É dicir, estase enfrontando a rivais situados na metade superior da clasificación. Como sinalou Ale de Paz na rolda de prensa, haberá que estar moi concentradas para non encaixar goles.

As ceutís afrontan a súa segunda tempada na máxima categoría, polo que contamos cos dous precedentes do curso pasado. En Poio vencemos por 4 – 0, mentres que na cidade autónoma empatamos 2 – 2.

CATEGORÍA: Previas