Primeira das dúas xornadas consecutivas que temos de local na liga. Recibimos ó Alcorcón, líder da competición e que conta os seus partidos por vitorias, o sábado ás 17:30h.
Será unha boa proba de nivel para o equipo, despois da dura derrota colleitada en casa do Viaxes Amarelle, coa que curtamos a xeira de dous triunfos seguidos (tres, contando o de dezaseisavos de Copa da Raíña). Na Coruña debutou Saki, mentras que para a convocatoria de mañá estará Carla Ayensa. Ademais, Pelé anotou o seu primeiro gol na Copa, polo que o grupo vaise completando, a falta de recuperar das súas lesións a Marta e a Anna.
Por parte do equipo dirixido por Guillermo Camarón, pleno ó 15 en puntos tras gañar a Futsi, Rayo, Melilla, Amarelle e Alcantarilla. Tamén se clasificaron para oitavos de final da Copa. Con 24 goles son o conxunto máis anotador, habendo encaixado 8 (cuarta escadra menos goleada). Reforzadas con fichaxes de primeiro nivel como Peque, Vane Sotelo ou Guti, teñen nas súas filas á pichichi actual da liga, Clau López (8 goles). Todo iso dá conta do nivel do rival e da importancia de vencerlles, máis en moral que en puntos.
Dende que subimos a Primera División, 20 veces nos enfrontamos, con máxima igualdade de resultados (9 vitorias para cada club e 2 empates). Dos últimos catro duelos, vencemos tres, con táboas na Seca no curso pasado. A última vez que nos superaron foi precisamente na nosa cancha, por 1 -3 o 29 de maio de 2021.