O desta semana será un súper sábado de fútbol sala na Seca, con partidos continuos dende as catro da tarde ata as dez da noite. Para o equipo de Primeira División, que recibirá ó CD Chiloeches ás 18 horas, suporá o único partido en casa en todo o mes de outubro.
Coa moral alta situámonos nesta nova xornada, pois superamos na anterior por 1 – 5 a LBTL Futsal Alcantarilla, no mellor partido no que vai de campaña. Ademais, culminouse unha semana de dobre compromiso de visitante con dúas vitorias (a outra foi en cuartos de final de Copa Galicia). O equipo sitúase no segundo posto da táboa con 11 puntos, sendo o cuarto máis goleador (19) e o que menos encaixa (5) tras cinco xornadas. Todas as futbolistas, agás Miri, están convocadas.
O CD Chiloeches debuta na máxima categoría do fútbol sala feminino español. Tras varios anos de fases de ascenso, o conxunto tuecho alcanzou o seu obxectivo eliminando na final ó CD Mosteiro Bembrive vigués. Tras comezar con catro derrotas, ás que se sumou a eliminación en Copa da Raíña ante o Txantrea de Segunda División, na pasada xornada venceron por 3 – 2 ó Guadalcacín. Actualmente son penúltimas con eses 3 puntos, a dous da permanencia. Acumulan 6 goles a favor (as que menos) e 22 en contra (as segundas que máis encaixaron).
É o primeiro duelo entre ambos clubes.

