Novas

T. 23/24 – X. 7 | PREVIA

Out 27, 2023

Este sábado volvemos xogar de local, recibindo ó Ourense CF Ontime ás 20:00h, equipo que nos precede na clasificación, ó ser oitavo con 10 puntos, un máis que nós. Será a segunda vez que visiten A Seca neste curso, tras facelo en pretempada.

Coa moral alta logo de gañar ó líder, Alcorcón, a semana pasada, quitándonos a espiña da derrota na pista do Amarelle, queremos sumar tres puntos cos que adiantaríamos ó propio conxunto auriense e seguiríamos escalando posicións. Ademais, consolidaríamos A Seca coma o fortín que debe ser, despois de vencer ó Rayo Majadahonda e ás alfareiras, a pesares de estrearnos con derrota ante Les Corts. Todo o plantel está dispoñible, agás as coñecidas baixas de Marta e Anna.

Por parte do equipo de Mondo, vén de gañar ó Viaxes Amarelle, enlazando o seu terceiro triunfo na competición, todos de maneira consecutiva. Ó igual que nós, perderon contra Burela e Les Corts, pero o empate na xornada inaugural en casa do debutante FSF Castro dálles un punto extra co que nos avantaxan. Destacan pola súa capacidade goleadora, pois con 21 tantos son o segundo conxunto máis realizador (superado polo Alcorcón e igualado co Viaxes Amarelle). De feito, a súa veterana pivote, Sara Moreno, é a segunda máxima goleadora da liga con 6 tantos, igualada con Laura Córdoba e Amandinha.

Contando todos os partidos oficiais (liga, Copa da Raíña e Copa Galicia), a bagaxe entre ambos clubes estaría empatada con 10 vitorias para cada un e 4 empates. Cinguíndonos ó campionato regular, 8 veces superamos á escadra de Ourense, por 2 empates e 10 triunfos seus. Sen embargo, dásenos mellor xogar na súa casa, na que actualmente temos unha xeira de catro tempadas seguidas gañando en liga. En Poio, no curso anterior vencemos por 2 – 1, aínda que en total contemplamos 3 vitorias vermellas, 1 empate e 6 triunfos ourensáns.

CATEGORÍA: Previas