Novas

T. 26/27 – X. 7 | PREVIA

Nov 6, 2026

Volver sumar tres puntos e facelo ante a nosa xente despois de dous tropezos na casa. Eses son os obxectivos do partido que este sábado ás 17:30 horas nos enfrontará á AE Les Corts UBAE no pavillón da Seca.

A vitoria en Jerez impulsounos ata a quinta posición na liga, con 11 puntos, aínda que seguimos a catro puntos da zona de playoff. Por iso, hai que manter a boa dinámica e ofrecerlle unha vitoria á nosa afección, despois de que os dous últimos encontros na casa rematasen con derrota ante o Melilla e empate fronte ó Ceuta. Tamén cómpre lembrar que vimos de superar a eliminatoria de dezaseisavos de final da Copa da Raíña o pasado martes en Almagro. Mantemos as baixas de Èlia e Yanira.

O conxunto dirixido por Nil Marco é undécimo con 6 puntos, un máis que os postos de descenso. Venceu nas xornadas 3 e 4 ó Estrela e ó LBTL Futsal, tras o que encadeou dúas derrotas fronte ó Rodiles e ó Castro. É o equipo menos goleador do que vai de competición, xunto co Aldelis Zaragoza, con 7 tantos a favor (25 no noso caso). Certo é que o compensa ó ser o cuarto que menos goles encaixa, empatado co Futsi, tras recibir 11 tantos (nós, 10). Como sinalou Luci, ex  xogadora do Les Corts, na rolda de prensa, é un equipo que sempre nos puxo as cousas difíciles, malia as actuais baixas de Muni e Paula Guix. En Copa tamén avanzaron de rolda, eliminando por 0 – 2 ó Marín Futsal na Raña, pavillón que será a sede da final a oito.

Existen seis precedentes entre ambos os clubs, cun balance de 2 triunfos conserveiros, 1 empate e 3 vitorias barcelonesas. Precisamente, na Seca nunca conseguimos superalas (un empate na pasada tempada e dúas derrotas se botamos a vista máis atrás).

CATEGORÍA: Previas