Este sábado abriremos unha nova xornada de Primeira División. Farémolo cun partidazo ante un rival directo polos postos de playoff, o STV Roldán. Por iso, será ás 11 horas, ante as cámaras de Teledeporte.
Este será o noso quinto partido en dúas semanas, xusto antes do parón dunha xornada pola ventá de seleccións. Un triunfo poría a guinda a este momento de acumulación de encontros, pois todos saíron adiante (dúas vitorias ligueiras, unha nos dezaseisavos de final da Copa da Raíña e, a máis recente, o pase á final da Copa Galicia). Centrándonos na Primeira División, somos quintas con 14 puntos, a catro de distancia do noso rival de mañá. Dúas vitorias e un empate colleitamos na liga lonxe de Poio, deixando a portería a cero en ambos os triunfos. O equipo viaxa na tarde deste venres, sen Èlia nin Yanira, que continúan de baixa.
Íñigo Martínez colleu as rendas do STV Roldán para esta tempada e comezou de maneira sobresaínte. Caeron derrotadas en Móstoles na primeira xornada, pero reaccionaron con seis vitorias consecutivas. A última, en Alcorcón, remontando un 5 – 1 para vencer por 6 – 7. A súa xeira, contando a Copa da Raíña, ascende a sete triunfos seguidos. Son cuartas con 18 puntos, 31 goles a favor (29 nós) e 20 en contra (12 no noso caso). Como locais gañaron os seus tres partidos, ante os equipos que actualmente ocupan postos de descenso.
Entre liga, copa e supercopa existen 28 precedentes entre ambos os clubs, cun balance de 11 vitorias conserveiras, 8 empates e 9 triunfos murcianos. Actualmente estamos atravesando unha boa xeira particular, pois dos últimos dez duelos contra as de Torre Pacheco vencemos seis e empatamos catro. Entre as igualadas figuran unha na Copa da Raíña e outra na Supercopa, nas que pasamos de rolda pola vía dos penaltis en ambos os casos. As últimas derrotas atopámolas na tempada 2021 / 2022, tanto na súa pista como na nosa.

