Novas

Previa Xornada 17

Mar 25, 2022

Poñémonos ó día cos partidos pendentes con este derbi no pavillón de Vista Alegre ante un dos favoritos a gañar a liga, o Burela. De feito, o conxunto laranxa é o vixente campión de liga, copa e supercopa (conseguida esta última fai un mes ante Futsi). O duelo, correspondente á xornada 17, foi aprazado fai un mes polos positivos en covid que tivemos.

Chegamos a este derbi tras unha semana de parón ligueiro. Realmente esta fin de semana usouse para recuperar partidos, xa que había dúas semanas sen competición pola celebración da Eurocopa, que finalmente se pospuxo. Así, foi o 12 de marzo o noso último encontro, na derrota por 0 – 1 en casa ante o Roldán. Lonxe da Seca temos unha mellor bagaxe de resultados, con seis vitorias, un empate e unha única derrota. Coma locais, sumamos catro triunfos, dous empates e cinco derrotas. Estes resultados mantéñennos no playoff en cuarta posición, pero con mínima marxe ante a apretada clasificación e os perseguidores.

Pola súa parte, o Burela, segundo clasificado, só cedeu catro empates (o 1 – 1 da primeira volta en Poio xunto ós colleitados ante Alcorcón, Melilla e Futsi), mentras que saíu derrotado por única vez na súa visita ó Universidade de Alicante. En Vista Alegre, gañou os oito partidos desputados ata o momento. Destaca que tan só encaixaron 16 goles en 18 partidos. O segundo equipo que menos tantos recibiu en liga somos nós e son 37. Iso si, no aspecto goleador incluso realizamos máis dianas (59 goles a favor por 56 seus, cun partido menos).

Non é un derbi que se nos dea precisamente ben. Na súa cancha só conquerimos un empate en oito visitas en liga. Foi na campaña 2016 – 2017. Dende entón, perdimos nas catro veces que fumos alí (cinco se sumamos a Supercopa da tempada 2019 – 2020). Ademáis, en 20 enfrentamentos entre liga, Copa de España, Copa Galicia e Supercopa de España, só vencemos en dúas ocasións. Unha foi no curso 2016 – 2017, cun 2 – 0 en casa. A outra, na final da Copa Galicia de 2018 por 4 – 5.

O bus partirá dende A Seca as 10 da mañá do sábado. Todo apunta a que Jane volverá ter minutos en pista, mentras que Anna Escribano será baixa.

En canto ó concurso, foron Luci e Jane, dúas ex burelistas precisamente, as que mediron os seus coñecementos sobre o rival, sendo a española quen avanza de ronda no noso peculiar torneo. Tendes o vídeo nas nosas redes sociais ou picando aquí.

CATEGORÍA: Previas