Novas

Previa Xornada 20

Mar 11, 2022

Partido vital o deste sábado ante un rival directo como é o STV Roldán para manternos nos postos altos da táboa de cara ó parón ligueiro. Lembramos que tras esta fin de semana, a competición regresará en abril coa data 21 do torneo. Este parón de dúas semanas estaba previsto para a realización da fase final da Eurocopa, que finalmente aprázase polo conflicto armado entre Ucraína e Rusia, que precisamente, xunto a Portugal (anfitrioa) e España, eran as finalistas. Como contrapartida, España disputará o día 21 un amistoso fronte ó Brasil.

Por tanto, é unha oportunidade de ouro para que o conxunto de Manu Cossío se manteña no playoff pola liga  prepare, presumiblemente, o partido adiado ante Burela para algunha destas dúas fines de semana. A este duelo chegamos tras gañar en Málaga ó Atlético Torcal por 0 – 3, deixando a portería a cero por terceira vez esta campaña, algo que non conseguíamos dende o 4 de decembro no 5 – 0 ó Rayo Majadahonda e sumando o terceiro triunfo consecutivo en liga. Aínda que todas as xogadoras serán convocadas, Jane mantense como dúbida.

Por parte do equipo de Joaquín Peñaranda, viaxa con 13 xogadoras para manter a súa boa xeira, xa que tras cinco vitorias consecutivas e unha derrota en casa do Futsi, están a 5 puntos de distancia de nós. Na anterior xornada enfrontábanse ó Melilla, pero o partido foi aprazado. Veremos se a falta de competición pode afectarlles, porque non desputan un encontro oficial dende o 20 de febreiro. Iso si, na primeira volta vencéronnos por 6 – 4 nun enfrentamento que se nos escapou nos minutos finais.

Mantendo o noso concurso de preguntas sobre o rival, por primeira vez houbo que acceder ó desempate. No duelo de “Anas” , remontou Escribano para vencer a Rivera cun pouco de axuda ó principio e moito bo rollo, que diso se trata. Agardamos que vos guste o vídeo, que tendes en todas as nosas redes sociais ou directamente pinchando aquí.

 

CATEGORÍA: Previas