Novas

Previa Xornada 21

Abr 1, 2022

Avanza o campionato ligueiro e volvemos viaxar, esta vez en avión para ir ata Alacant a visitar ó UA. Facémolo despois de caer no derbi ante o Burela e sumar dúas derrotas consecutivas. Con todo, seguimos cuartas e medímonos a un rival directo na fervente loita polos postos de playoff.

Sabemos ben que en fronte teremos a un dos equipos fortes en cada tempada e que na primeira volta xa nos venceu por 1 – 2 na Seca. Sen embargo, as nosas últimas visitas ó conxunto universitario tráennos mellor recordo, con vitorias nas campañas 2019 / 2020 e 2018 / 2019. O ano pasado non nos vimos as caras debido á composición por grupos da liga. No curso 2017 – 2018 colleitamos un empate a tres goles, polo que a última derrota en terras alacantinas remóntase ó 4 – 1 da tempada 2016 – 2017.

Volvendo ó 2022, o equipo de Maravillas Sansano enlaza tamén dúas derrotas seguidas, ante Melilla e Futsi, xusto despois de ser o único equipo que polo momento gañou ó Burela, cun 2 – 1 en Els Oms. Actualmente teñen 29 puntos e ocupan a novena praza.

A expedición conserveira viaxa esta mesma noite de venres en avión, chegando aproximadamente a medianoite ó hotel. Mañá ás 19:00h será o partido, tralo cal volverán a pernoctar antes da volta o domingo. Regresa Anna Escribano á convocatoria, polo que Manu Cossío conta con todas as súas xogadoras.

CATEGORÍA: Previas
ETIQUETAS: Tempada 2021 / 2022 · UA