Novas

Previa Xornada 22

Abr 8, 2022

Volve a Primeira División á cancha da Seca un mes despois do último partido (aquela fatídica derrota ante o Roldán por 0 – 1). Dende entón, unha xornada de descanso, outra para recuperar o encontro pendente ante o Burela e a visita triunfal da semana pasada a Alacant. Esta vez visítanos o Leganés, que ocupa a 11ª praza con 27 puntos. dos que 9 logrounos coma visitante.

Boas son as sensacións coas que chegamos a este partido, logo de volver a gañar en liga e meternos na final da Copa Galicia o mércores, nun partido onde tivo minutos Lucía Paz e descansou, xunto con Caridad, Jane. En fronte, un equipo que encadea tres xornadas sen vencer, sumando unha vitoria nos últimos cinco partidos e que vén de empatar en casa 2 – 2 ante o Melilla.

O conxunto de Iván Labrado, que viaxa con once xogadoras, destaca polos goles que se ven nos seus enfrontamentos. De feito, é o terceiro equipo máis anotador (72 goles), por detrás de Futsi e Móstoles, pero o cuarto que máis tantos encaixa (73), mellorando só ás tres escadras que ocupan os postos de descenso. Na primeira volta, conseguimos vir cos tres puntos do sur de Madrid cun resultado de 2 – 4.

A historia énos moi favorable polo momento en duelos particulares. En Primeira División coincidimos dende a campaña 2016 – 2017 e vencemos sempre: seis veces na súa pista e catro na nosa. Co inicio da pandemia en 2020, a liga finalizou antes de tempo e non chegaron a disputar o seu partido en Poio. Habería que remontarse ó curso 2012 – 2013, en Segunda División (o ano do noso ascenso), para ver unha derrota en Leganés por 6 – 3 e un empate na Seca 1 – 1.

Manu Cossío contará con toda a plantilla ó completo. Non está convocada Iria, que xogará co filial á mesma hora. Tamén deixo por aquí o enlace para que vexades, se non o fixestes aínda, o duelo entre Caridad e Anna no noso concurso semanal.

O partido xogarase no habitual horario de sábado ás 18:30h e pòderase ver en directo pola retransmisión de Live Vuvuzela en colaboración coa RFEF. Coma sempre, poremos o link antes nas nosas redes sociais, se non podedes vir ó pavillón, obviamente.

CATEGORÍA: Convocatorias · Previas