Partirá a procesión vermella en avión o propio venres santo, tanto para ir coma para volver. Viaxe exprés na que estarán convocadas todas as xogadoras da primeira plantilla para defender a recén adquirida terceira praza logo de gañar ó Leganés, sumando a segunda vitoria seguida en liga (tres se contamos co triunfo en Copa Galicia ante o Cidade de As Burgas).
Pola súa parte, o Futsi caeu por 5 – 3 no pavillón Javier Imbroda melillense o pasado sábado. Ata ese momento, só cedera puntos empatando en casa ante o Burela e, máis sorprendentemente, na visita ó Atlético Torcal. O equipo madrileño destaca pola súa eficacia goleadora, con 115 tantos a favor e dúas xogadoras coma pichichis da categoría (xunto a Benete, do Móstoles). Iso si, recibiron 45 goles, tres máis que nós, o que demostra o noso bo facer no repregamento.
Na primeira volta vencéronnos por 2 – 6, alargando a sete os partidos consecutivos que nos levan gañando. Habería que remontarse a febreiro de 2018 para atopar unha vitoria conserveira en La Estación, nun dos dous triunfos logrados ante as de Navalcarnero nos 17 enfrontamentos en Primeira División que acumulamos.
Aínda que será un duelo dificilísimo, estamos nun gran momento de forma para afrontalo e poñer en apuros ó conxunto branquivermello.