Novas

Previa Xornada 26

Mai 13, 2022

Volve a liga, tras o parón para dirimir as campioas da Copa da Raíña, encarando a súa recta final coas últimas cinco xornadas. Para nós, segunda saída consecutiva e primeiro derbi que viviremos ante o Ourense Envialia, co que nos enfrontaremos o martes 17 na final da Copa Galicia.

Sen dúbida, vai ser unha auténtica batalla na guerra que tantos equipos estamos a librar para entrar neses dous postos de fase polo título que nos deixan Futsi e Burela. Pese á derrota en Majadahonda, seguimos terceiras, pero sen apenas marxe de erro ante os perseguidores. Por parte do equipo de Morenín, son oitavas con 37 puntos, cinco menos que nós, polo que precisan sumar de tres para seguir na pelexa. Ademais, enlazan catro xornadas sen gañar e conquerindo un só punto.

Contaremos coas baixas confirmadas de dúas das nosas integrantes cariocas. Angela, que chegou a un acordo para rescindir o seu contrato, e Luísa, afectada dunha lesión no seu xeonllo esquerdo.

Moitos son os antecedentes entre ambos clubes, que nos coñecemos dabondo. Contando o 1-3 co que nos gañaron na primeira volta, son 17 os duelos en Primeira División, cun saldo de 5 vitorias vermellas, 2 empates e 10 triunfos aurienses. Como aspecto a favor, nas dúas últimas visitas ligueiras ó pavillón dos Remedios, levámonos os tres puntos.

Pechamos esta previa co vídeo da final do Quiz Poio entre Caridad e Martita, que demostraron estar moi ó tanto do rival do sábado!

CATEGORÍA: Convocatorias · Previas