Novas

Previa Xornada 29

Xuñ 3, 2022

Último partido da fase regular da liga na Seca. Non quixemos ser gafes e por iso non o estivemos dicindo, pero en caso de clasificarnos ó playoff polo título, volvería o fútbol sala de primeiro nivel a Poio. Por desgraza, non depende só de nós logralo xa que, a falta de dous partidos, somos quintas na táboa, a un punto do Melilla e a tres do Roldán (que ademais nos ten gañado o golaverage). Visítanos o Joventut d´Elx, conxunto que é o pechacancelas do campionato, sen opcións de permanencia, pero que ven competindo moi ben nos últimos encontros.

Chegamos a este choque despois dunha moi sufrida vitoria en Zaragoza por 2 – 3 que nos permite manternos moi preto do cuarto lugar. Iso si, xogamos en casa, que este ano é sinónimo de maiores dificultades para vencer (21 puntos de local e 28 de visitante). Ademais, os outros dous clubes que ocupan postos de descenso, Atlético Torcal e Penya Esplugues, lograron arrancar un empate da nosa cancha. Por tanto, o feito de que o conxunto ilicitano sexa colista con sete puntos (2 triunfos, 1 empate e 25 derrotas) non debe relaxarnos. Todo o contrario, posto que o equipo de Andrea Lacrampe ven de estar preto de puntuar fronte ó Torreblanca Melilla (3 – 4). Pouco antes, na xornada 26, conseguiu a segunda vitoria da campaña por 4 – 3 ante o Leganés. Coma visitante só logrou puntuar en campo do Torcal, cun empate a un gol na xornada 23.

Todo isto non significa que debamos estar nerviosas, nin moito menos, senón que non se ten que perder a concentración. No partido da primeira volta, vencimos por 2 – 4 no que é o único precedente, xa que nunca nos enfrontaramos con anterioridade ó equipo de Elche, que conta con 54 goles a favor (terceiro menos goleador) e 120 en contra (o que máis encaixa). Beth e Paula Morote, con 10 tantos cada unha, son as súas maiores artilleiras.

Ante este final de tempada con tanto en xogo, volvemos facer chamamento para que a Marea Vermella encha A Seca o domingo ás 12. Entre todas, lograrémolo!