Novas

Promoción de entradas para os últimos partidos na Seca

Abr 18, 2023

Esta campaña, a do noso 25 aniversario, está sendo histórica en moitos sentidos. O máis destacado (que era o obxectivo da tempada, logo de varios anos quedándonos ás portas por moi pouco) é que desputaremos o playoff polo título de liga por primeira vez. A falta de cinco partidos, o derradeiro triunfo en casa do Leganés supuxo certificar matematicamente este fito. Por certo, cun 0 – 6 que é a nosa vitoria máis abultada coma visitante na nosa historia na máxima categoría.

De todas formas, non é o mesmo quedar primeiras que cuartas. Coa liga tan apretada, somos segundas con 64 puntos, un menos que o líder, Futsi (65), catro máis que o Burela (60) e oito máis que o Melilla (56). Estes dous últimos, xunto co Ourense CF, son os tres conxuntos que todavía teñen que pasar pola Seca. Por iso, sacamos a seguinte promoción para que os tres partidos teñan o mellor ambiente coa marea vermella enchendo as bancadas da nosa casa.

  • Cada socio do club terá dereito a traer dous acompañantes, de balde, a cada partido.
  • Ata os 16 anos, incluídos, poderán entrar gratuitamente.
  • Por só 5€ tes a opción de mercar unha entrada válida para os tres partidos. Pódese retirar este mesmo domingo, que recibimos ó Ourense CF ás 12h.
  • En cada encontro haberá sorteos de merchandising do club entre aquelas persoas que veñan con prendas de cor vermella.

O calendario ligueiro que temos por diante é moi esixente e este Poio dos récords precisa dun último empurrón da súa afección.

Lembramos, este domingo ás 12h visítanos o Ourense CF nun derbi sempre apaixoante. Despois, toca xornada de descanso, pola celebración da fase final da Copa da Raíña. Xa en maio, viaxaremos a Roldán, recibiremos ó Melilla, cruzaremos a ría para ir a Marín e remataremos en casa ante o Burela. Cinco partidos, tres derbis e toda a ilusión posta en seguir rompendo barreiras!

CATEGORÍA: Novas