Boa fin de semana para os equipos vermellos que seguen competindo. A única excepción atopámola no sénior masculino, pero vendo como xogaron, poden remontar no partido de volta para acadar o ascenso. Imos un a un:
Sénior:
- Tremenda vitoria en Primeira División ante o Burela, besta negra particular, a quen non venciamos dende o 1 de abril de 2018 na final de Copa Galicia. En liga, este rexistro ía ata o 29 de outubro de 2016, no que era o único triunfo ante as da Mariña ata o momento en dita competición. Ademais, estes tres puntos permítennos rematar a liga de segundas, con só unha derrota e como equipo menos goleado. Agora veñen as semifinales do playoff polo título contra o terceiro clasificado, Burela (polo menos, outros dous partidos contra elas).
- Colleu vantaxe o Vianariño FS (1 – 2) na ida da eliminatoria polo ascenso a Preferente. Os nosos mozos mereceron máis, pero tamén puideron acusar unha renta maior na recta final do partido. Todo por decidirse no duelo de volta.
Cadete:
- Meteuse na final da Copa Delegación o cadete masculino B despois de superar ó CCR Cabral. Defenderán o título conquistado a campaña pasada, fronte ó CD A Paz B.
- Vinganza do cadete feminino ó vencer en semifinais de Copa á Escola Futsal Morrazo, club que nos privou do título ligueiro. A final da mesma será contra o FSF Castro, que eliminou ó Viaxes Amarelle.
Infantil:
- Gañou o feminino ó CD La Peña en semifinais de Copa e verase ante o Viaxes Amarelle na final, reeditando a de liga, na que as coruñesas se proclamaron campioas.
Biberón:
- Gran festa para os máis pequenos e as máis pequenas na final de Copa ante o Villalonga FC (campión de liga). O trofeo quedou en Poio, cun gol na prórroga que desnivelou a balanza ó noso favor. Parabéns polo título, equipo!