Estreaba categoría o Alevín Masculino A, patrocinado en exclusiva pola Bodega O Bocoi, de Combarro, dentro da Liga Galega, tras o ascenso colleitado o ano pasado en Primeira Autonómica (son as dúas divisións que existen actualmente). Era un bo reto para os nosos rapaces, adestrados por Alberto Porto Vidal e, aínda que os resultados non foron os desexados, de seguro a experiencia foi moi enriquecedora.
Dentro do grupo sur, o equipo foi encadrado nunha liga a dúas voltas con trece clubes máis, iniciada o 17 de setembro de 2023 e con fin o 14 de abril de 2024. En 26 xornadas catro partidos gañaron, resultando con derrota os restantes e, por tanto, terminaron na 13ª praza, que significa posto de descenso (baixan de categoría os catro últimos clasificados).
Posteriormente competiron na Copa Galicia. A primeira rolda pasárona pola incomparecencia do seu rival, o Xuventude Ourense FS. Despois, en oitavos de final, foron superados por 4 – 1 polo Marín Futsal, escadra que rematou cuarta en liga.