Novas

Cabreiroá patrocina o resumo de tempada do Cadete Feminino

Xuñ 18, 2024

Preto dos títulos quedou o Cadete Feminino, que alcanzou a semifinal de Liga Galega e a final de Copa. Desta forma transcorreu a súa tempada:

A liga en dita categoría compúxose de 14 equipos divididos en dous grupos equitativos. Por tanto, disputáronse 12 xornadas, a ida e volta, dende o 15 de outubro de 2023 ó 11 de febreiro de 2024. Na zona sur, as nosas xogadoras remataron na segunda posición, por detrás do Marín Futsal, con quen empataron a puntos. Ambos equipos gañaron todos os seus partidos e, nos duelos particulares, vencemos na Seca por 1 – 0, pero perdemos na súa pista por 4 – 1. As conserveiras foron as máis goleadoras (83) e menos goleadas (6). Na semifinal tocounos viaxar á casa do Viaxes Amarelle, campión do grupo norte, onde caímos por 4 – 0.

Na parte copeira, disputouse unha fase de grupos previa na que clasificamos por debaixo do Marín e por riba do Arealonga Chapela. Despois, o conxunto adestrado pola futbolista internacional Rocío Gómez, superou en oitavos de final ó Barro (7 – 1), en cuartos, ó Ourense CF (1 – 1 e en penaltis 3 – 4), na semifinal, ó Viaxes Amarelle (1 – 2 e pequena vinganza pola derrota en liga) e, na final, de novo superounos o Marín Futsal (1 – 5), quen asinou dobrete en Galicia.

Gran tempada do equipo vermello, demostrando que segue entre os mellores da comunidade.

CATEGORÍA: ED Poio