Novas

Cabreiroá patrocina o resumo de tempada do Prebenxamín A e B

Xuñ 5, 2024

Once escadras competiron en idade prebenxamín na liga de Pontevedra, que se dividiu en dúas fases. Na primeira, cun único partido por rival, o noso Prebenxamín A acabou líder, con 9 vitorias e 1 empate. Por tanto, foi asignado ó Grupo 1 da segunda fase, que neste caso disputouse a ida e volta. O equipo dirixido por José Luis Quintáns Tilve e Lucía Esperón Soto non logrou revalidar o primeiro posto tras 5 triunfos, 2 empates e 1 derrota, o que lle impediu clasificar ó Campionato Galego Prebenxamín (que non o dicimos por mal, todo o contrario e máis nestas idades).

Na competición de Copa, encadrados no Grupo C, venceron a Cotobade e Bueu, logrando clasificarse para a final, na que foron superados por un só gol polo Saraiba do Mar, mesmo equipo que gañou na liga.

Ademais, aproveitamos para comentar que o Prebenxamín B, patrocinado en exclusiva polo Colexio SEK Atlántico, formou parte dese grupo único de liga nesta categoría en Pontevedra, xunto ó Prebenxamín A. Cunhas destacadas 7 vitorias e un total de 22 puntos, finalizaron en cuarto lugar.

Ó exercer como filial, este conxunto foi asignado ó posterior Grupo 2 da segunda fase ligueira, a cal rematou con pleno de triunfos (dez, pois neste caso si había ida e volta) e incluso sen encaixar ningún gol. Por último, en Copa, finalizou segundo do Grupo B, polo que non puido clasificarse para a final.