Custou que arrincase, pero a tempada 2023 / 2024 rematou sendo histórica. Segundo playoff (e consecutivo) polo título de liga, subcampioas da Supercopa de España e campioas da Copa Galicia. Un total de 40 partidos que transcorreron así:
- Liga: non iniciamos a competición como esperabamos e, trala 16ª xornada, eramos novenas, a 11 puntos do playoff. Sen embargo, unha xeira de 8 vitorias seguidas (a segunda mellor da nosa historia) xunto á segunda volta con máis triunfos, 11 (en puntos, 35, como na do curso anterior) logrou que culminásemos unha remonta ata o cuarto posto con 59 puntos. Certo é que non poidemos acceder á final, pero si obtivemos a nosa primeira vitoria nun playoff polo título, co 3 – 0 na Seca fronte ó Burela.
- Copa da Raíña: quizáis, o único punto negativo. Ó igual que na pasada campaña, avanzamos en primeira rolda ante un conxunto de Segunda División, neste caso, La Algaida FS (que podería ascender a Primeira). Sen embargo, caímos nun duro derbi na pista do Burela en oitavos de final, privándonos unha vez máis do evento da final a oito.
- Supercopa de España: sempre dicimos que é un torneo ó que chegar é un gran premio. E volveremos estar nel. Ademais, metémonos na final por penaltis contra o Roldán, pese a que o Burela cruzouse de novo no noso camiño cara os títulos.
- Copa Galicia: dous cursos despois volvemos gañala. A cuarta que conquistamos. A ruta non foi sinxela, senón todo o contrario. Un axustado 0 – 1 na Coruña fronte ó Viaxes Amarelle, un triunfo a penaltis (despois dun 3 – 3) en Ribadeo contra o Burela e unha vitoria por 1 – 2 (na prórroga) na final en Pontevedra contra o Marín Futsal. Non podemos deixar de mencionar o eventazo que foi dito Derbi da Ría: máis de mil persoas nun pavillón Príncipe Felipe cheo de azul e vermello, en directo pola TVG, sorteos, vídeos previos, etc. Un exemplo de colaboración do que saíu, posiblemente, o acontecemento máis destacado do fútbol sala feminino do presente curso.