Un par de días despois do histórico triunfo por 1 – 0 ante o Futsi Atlético Navalcarnero, co que subimos ó segundo posto en liga, as boas novas seguen chegando ó noso club. A Selección Española abre as súas portas por primeira vez a Sandra Buzón, que ós seus 26 anos derruba unha barreira máis na súa carreira. Únese a Martita, que a finais de novembro do ano pasado estreouse con “La Roja” e sempre volveu ser chamada de novo, e a Luci, a nosa flamante dobre campioa de Europa.
Clàudia Pons dirixirá ó equipo en dous novos partidos amigables en Las Rozas, o 14 e o 15 de febreiro ante Arxentina. É dicir, tamén teremos sobre a pista a Dupuy e a Agostina defendendo a albiceleste. Serán dous días excepcionais para a entidade conserveira, vendo a cinco das súas futbolistas enfrontarse en duelos internacionais.
Cabe destacar que son os últimos partidos de preparación que a Selección Española ten antes do Europeo en Hungría, do 17 ó 19 de marzo.
O traballo do equipo e os bos números en Primeira División non pasan desapercibidos, logrando que esta tempada dúas xogadoras debutasen coa selección. Parabéns Sandra, desfrútao e que repitas no futuro.