Novas

Novo récord de internacionais con seis convocadas

Set 1, 2025

Non se deteñen as plusmarcas en canto a convocadas con seleccións se refire na recentemente iniciada tempada. Se fai case un mes coñecíamos a primeira lista de España con Elena, Ale de Paz e Noelia Montoro, á que posteriormente se sumou Martita (establecendo os récords de máis xogadoras vermellas co combinado nacional e de equipo máis representado na selección), agora temos sobre a mesa as citacións tanto de España como de Portugal e Italia, coas catro xogadoras xa mencionadas, máis Carolina Pedreira co conxunto luso e Rafa Pato co transalpino.

Isto significa que temos seis futbolistas con compromisos internacionais, superando as cinco convocadas á vez en febreiro de 2023. Tamén acumulamos efectivos en tres seleccións na mesma concentración por primeira vez.

Clàudia Pons volve situar ó Poio Pescamar como o club que máis xogadoras aportará á concentración, que será do 7 ó 10 deste mes. Non haberá partidos ó non poder viaxar Arxentina ata aquí.

Portugal, por medio do seu seleccionador Luís Conceição, que tamén se clasificou para o Mundial que se celebrará en menos de dous meses en Filipinas, citou a Carolina Pedreira, habitual do equipo verde e vermello. Permanecerá co conxunto luso do 7 ó 11 de setembro, viaxando a Polonia para disputar dous partidos contra a selección polaca (os días 9 e 10).

Por parte de Italia, a súa seleccionadora Francesca Salvatore convocou a Rafa Pato para disputar dous amigables ante Marrocos. Os días de partido, así como de concentración, son os mesmos que no caso de Portugal. O combinado italiano tamén participará no próximo mundial.