Novas

Convocatoria para a fase de clasificación da Eurocopa 2027

Set 25, 2026

En pleno inicio de tempada, con tres xornadas de liga disputadas, chega a segunda ventá para as seleccións. Neste caso, con maior importancia, xa que se trata da clasificación para a fase final da Eurocopa, que se disputará en marzo de 2027 en Croacia. Das nosas filas estarán concentradas con España: Elena, Martita e Laura Sánchez. Pola súa banda, Carolina Pedreira foi citada con Portugal. Nesta ocasión haberá un parón ligueiro de tres semanas e a competición regresará na fin de semana do 17 de outubro (no noso caso, recibindo ó Torreblanca Melilla).

Precisamente, antes de disputar a clasificación, España e Portugal mediranse nun duelo amigable en Lisboa (2 de outubro, 21:00h). Tanto este partido como os restantes encontros do combinado nacional poderanse ver en directo a través da canle de YouTube de Futsal RFEF.

A selección española, concentrada desde o 20 de setembro, terá que viaxar a Eslovenia para medirse a Francia (7 de outubro, 16:30h), Italia (8 de outubro, 16:30h) e ás anfitrioas do grupo (10 de outubro, 17:30h).

Pola súa banda, Portugal é anfitrioa do seu grupo de clasificación, polo que recibirá en Oliveira de Azeméis as súas rivais: Países Baixos, República Checa e Finlandia. Luís Conceição dará comezo á concentración lusa este domingo, 27 de setembro, e fará un descarte despois do duelo amigable contra España.

A Eurocopa de 2027 terá oito participantes, sendo un deles a anfitrioa, Croacia. Na fase de clasificación participan 16 equipos, distribuídos en catro grupos de catro integrantes, con unha sede designada por grupo. As gañadoras de cada grupo, así como as dúas mellores segundas, lograrán o billete directo ó Europeo. As outras dúas segundas enfrontaranse entre si nunha eliminatoria final para lograr o último posto.

España defende o título conseguido en 2023, pero tamén conquistou as outras dúas Eurocopas disputadas ata a data (2019 e 2022).