Consumou o vestiario dirixido por Bea Mateos e Ale de Paz o primeiro posto en liga a falta dunha xornada e, por tanto, o ascenso a Preferente Galega (chanzo previo á Segunda División Nacional), categoría que recuperamos tras dous cursos en Primeira Rexional.
O equipo Sénior Femenino B certificou o seu campionato de liga a pasada fin de semana (na que lle tocaba xornada de descanso), ó perder o seu perseguidor, o Marín Futsal B, fronte ó Tenorio FSF. Os 34 puntos colleitados, cunha única derrota en 15 partidos, outorgan matematicamente o cumio na táboa ó conxunto conserveiro, que poderá desfrutar ante a Marea Vermella do derradeiro enfrontamento, contra o Bueu, para celebrar o ascenso (domingo, 16 horas, A Seca).
Por diante quedará a opción dun dobrete coa Copa, que xa gañaron na campaña anterior.
A nosa máis sincera felicitación para xogadoras e técnicas polo seu gran traballo.