Novas

Inauguración da nova pista do pavillón da Seca

Mar 21, 2023

Na xornada 12, o 10 de decembro do ano pasado, vencemos por 2 – 0 ó Roldán e comezou o noso “exilio” ó pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra mentres se acometían as obras de renovación da pista da nosa casa. Pouco máis de tres meses despois, voltamos desputar un partido oficial na Seca, recibindo á A.D. Alcorcón o sábado ás 17 horas.

Durante estes tres meses, o noso primeiro equipo adestrou entre o Príncipe Felipe e o pavillón de Lourido. No escenario pontevedrés desputamos cinco partidos: catro en liga (vitorias ante Marín, Futsi e Teldeportivo, así como un empate co Viaxes Amarelle) e a semifinal de Copa Galicia, na que nos venceu o Burela. Sen dúbida, ímonos co gran recordo do triunfo sobre o equipo de Navalcarnero, ó que nunca gañaramos como local.

Houbo todavía máis movemento nos partidos e enfrontamentos da base. Dende Lourido ou o IES de Poio, ata o Príncipe Felipe e o CEIP San Benito de Lérez en Pontevedra e, incluso, partidos exercendo de local no pavillón do Toural, Vilaboa.

Coa volta á nosa casa debemos facer un fortín dela dende este mesmo sábado. Tralo parón pola celebración da Eurocopa vense a recta final da liga, á que lle quedan nove xornadas por diante. O noso obxectivo, como ben é sabido, é a clasificación para o playoff polo título por primeira vez na nosa historia. Temos unha boa renta de 14 puntos sobre o quinto posto, que ocupa precisamente o Alcorcón, o noso próximo rival. Unha vitoria daríanos tres puntos de ouro, ademais de significar dous novos récords no club, o de maior puntuación en Primeira División (logrado o curso pasado con 55) e o de máis triunfos en liga (na campaña 2017 / 2018 e na 2021 / 2022 sumamos 17, os mesmos que temos actualmente).

 

Foto: Cristina Saiz, Pontevedra Viva
CATEGORÍA: Novas