Novas

Cumprimos 25 anos!

Ago 1, 2022

Hoxe, 1 de agosto de 2022, o Poio FS celebra os seus primeiros 25 anos de historia. Dende a súa creación por parte do actual presidente, Juanjo García Camiño, xunto con tres amigos que se encargaban do Ateneo de Combarro, un local social xa extinto, superáronse moitas barreiras que nin se imaxinaban.

Apostaron por un equipo feminino dende o inicio, xogando en ligas locais. Ós dous anos comezaron a formarse os primeiros equipos da base. De inicio, a cor azul oscura era a da primeira equipación. Foron tempos menos mediáticos, ata que en 2008 se logra o primeiro gran fito, co ascenso á Segunda División Nacional, todavía como Ateneo Combarro FS. Dous anos despois, en 2010, cambiábase o nome ó actual Poio FS.

Non pasou tanto tempo ata que en 2013 e ante o Rubí catalán, se conquistou o ascenso a Primeira División, na que progresivamente nos fumos asentando e situando como un dos clubes punteiros do fútbol sala feminino español. Sen ir máis lonxe, levantamos tres veces a Copa Galicia (2017, 2018 e 2022) e estivemos preto da gloria na Copa da Raíña e na Supercopa de España en 2020, caendo en ambas finais.

Non só o primeiro equipo feminino alcanzou o éxito. Nas nosas escolas deportivas fórmanse nenos e nenas dende os 4 anos. Uns vinte equipos de base que cada tempada saen a divertirse e a medrar nos valores do deporte. Ademais, logramos ser campioas de España en cadetes catro anos seguidos (2013 a 2016) e en infantís en 2014 e 2015.

E isto só é unha moi breve pincelada de todo o que sucedeu en 25 anos. Moitas anécdotas, bos e malos momentos, viaxes, amigos e un largo etcétera que desexamos se siga escribindo. Porque todavía queda historia que contar.

CATEGORÍA: Novas
ETIQUETAS: 25 aniversario