Novas

T. 23/24 – 1/8 de Final da Copa da Raíña | PREVIA

Out 31, 2023

Este mércores día 1 de novembro, ás 18:30 horas e en directo pola habitual canle de Sipnopsis Vuvuzela, en colaboración coa RFEF, visitamos a cancha do Burela FS na busca dun posto en cuartos de final (en sistema final a oito) da Copa da Raíña.

O sorteo quixo que para este segundo partido nla competición tocáranos visitar a pista do conxunto que levou para casa as últimas cinco edicións (incluída a final de Málaga que precisamente nos gañaron por 1 – 0, con gol de Elena Aragón, agora nas nosas filas). Con todo, se na nosa mente estaba levantar o título, antes ou despois nos enfrontaríamos ós mellores equipos. Coa moral reforzada tralas últimas dúas vitorias seguidas en liga e todo o plantel a disposición do míster, agás Anna e Marta, poremos rumbo ó norte unha vez máis.

O equipo de Julio Delgado, que venceu 1 – 6 ó Intersala Promesas na rolda anterior, chega ó duelo tras superar ó Melilla e ó Futsi en liga, enlazando catro triunfos seguidos na mesma, que ademais lidera tras ceder só un empate (en casa contra o Roldán, o noso rival do sábado). Son as terceiras máis goleadoras e as segundas que menos tantos reciben.

De novo, a historia sitúanos ante o reto máis difícil, o que de momento nunca logramos: gañar en Vista Alegre. Tan só 2 empates en 13 visitas. A última foi na primeira xornada da presente campaña, na que venceron 2 – 0. Pese a que os resultados positivos sonnos esquivos, sempre son choques de moita igualdade, como sinalaron tanto Ale de Paz e Julio Delgado en roldas de prensa.

Despois de estar na final do curso 2019  / 2020, tres veces caímos en oitavos de final (contra Ourense CF, Sala Zaragoza e Futsi Atlético Navalcarnero). Para rachar a xeira, o club abrirá o pavillón para seguir en directo no marcador o derbi para quen non viaxe a Burela. Coincidindo co Día de Todos os Santos, agardemos que as meigas se poñan do noso lado e o defunto (no torneo) sexa outro.

CATEGORÍA: Previas