Novas

Luis López-Tulla renova por dúas tempadas

Mai 30, 2024

Luis López-Tulla é un poiense máis. O adestrador madrileño gañou a pulso seguir liderando o ambicioso proxecto vermello e renova a súa relación coa entidade conserveira ata 2026.

Inmersos na preparación do playoff polo título de liga, en cuxa semifinal nos mediremos ó Burela, queremos demostrar a nosa absoluta confianza en Luis, que cumpriu cos obxectivos nos dous cursos que leva aquí, selándoos como os mellores da nosa historia.

Na campaña 2022 / 2023 logramos o segundo posto na liga regular, con 75 puntos de 90 posibles, unha soa derrota, 12 vitorias consecutivas e 28 xornadas seguidas sen perder, clasificándonos para o primeiro playoff logo de tres anos quedándonos ás portas. Na actual, pese a non comezar co mellor pé, remontamos na que é a segunda volta de liga con máis triunfos de sempre (11, un récord que se suma á súa longa lista), os mesmos que puntos nos separaban do cuarto lugar da táboa na xornada 16, cando eramos novenas. Ademais, disputamos a final da Supercopa e sumamos a cuarta Copa Galicia ás nosas vitrinas.

En total, Luis sentouse no banco en 73 partidos oficiais, cunha bagaxe de 46 triunfos, 13 empates e 14 derrotas. Os seus números avalan dabondo a súa renovación. Sigamos superándonos, Luis!

CATEGORÍA: Comunicados