A sección masculina do club está de celebración. O pasado sábado viviuse un día inesquecible na Seca co histórico ascenso do Sénior Masculino, patrocinado por Reserpón, á Terceira División Nacional. Un fito nunca logrado na entidade conserveira.
Todo comezou coa subida de categoría a Preferente Galicia hai tres anos, cando se apostou por potenciar este equipo cos xogadores e o adestrador do xuvenil masculino, que viña de consumar outra fazaña como era o ascenso á División de Honra (aínda que finalmente non se fixo efectivo) tras ser subcampións galegos. Así, Ángel Alfonsín, Lin, colleu as rendas do vestiario coa idea de, como el mesmo sinala, “primeiro consolidarse na categoría Preferente, que non é fácil, pois o obxectivo de subir a Terceira víase a medio prazo”.
Con anterioridade, o Sénior Masculino disputara a última categoría ou liga local. Debido á pandemia da covid, na campaña 2020 / 2021 non houbo equipo. Porén, para a 2021 / 2022 formouse o conxunto directamente na Primeira Futgal ou liga provincial, é dicir, unha categoría máis alta que nos anos anteriores. En 2023, cando disputaban por segunda vez este campionato, un terceiro posto serviu para acceder á fase de ascenso a Preferente, na que quedaron eliminados ante o Vianariño FS (global de 4-3 a dous partidos). Non obstante, o ascenso a Preferente ratificouse aquel verán cando a federación ofreceu unha praza vacante. Volvíase á categoría que, ata o momento, era o teito do equipo (xa participaran en Preferente anos atrás).
O curso 2023 / 2024 foi de adaptación, pechando a clasificación no noveno posto. Porén, para o 2024 / 2025, os rapaces de Lin deron un salto de nivel e acadaron o subcampionato, clasificándose ademais por primeira vez para a Copa Galicia. Tras superar na semifinal o Pizarras Los Tres Cuñados FS (como este ano), caeron na final contra o Redondela FS.
O resumo da traxectoria da escuadra vermella chega á actualidade, cun novo subcampionato e acceso á vindeira Copa Galicia, pero desta volta incluíu o ascenso á Terceira, despois dunha espectacular final contra o Pecheches FS (3-3), na que os conserveiros fixeron valer a súa mellor posición na liga para pechar o obxectivo.
Na imaxe, de esquerda a dereita:
- Corpo técnico: Fernando, Jose, Lin, Rubén e Rafa.
- Xogadores: Íker, Jonan, Pablo, Piky, Agustín, Vitico, Hugo, Hugo Blanco, Sergio, Lubi, Juan Puertas e Iago. Ausentes da foto, pero parte do plantel: Maneto, Yandri, Noel e Miguel Vidal.

