É a quenda da Seca. O templo do fútbol sala poiense acollerá o segundo partido da semifinal polo título de liga (sábado, 16:15 horas, en directo por TDP Play) ante o Futsi Atlético Navalcarnero. A vitoria conserveira provocaría un terceiro duelo, de desempate. De non ser así, as madrileñas, actuais defensoras do título, volverán estar na final.
Sucedeu de todo no primeiro partido da eliminatoria (e non precisamente para o noso ben). O peor, a lesión de Èlia, con rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo. O mellor, que malia que o punto se nos escapou nos penaltis, o equipo demostrou ser totalmente capaz de superar a eliminatoria, como sinalou Luis na rolda de prensa. Máis alá de analizar resultados, como fixemos na previa anterior, toca crer máis ca nunca no equipo e facer un chamamento para que todo Poio acuda a animar ó pavillón. Lembramos que ás 14:45h se realizará un recibimento ó equipo na entrada da Seca.
O Futsi, pola súa banda, volveunos demostrar que ante os grandes clubs non se pode baixar a garda nin un segundo. As navalcarnereñas souberon repoñerse ás adversidades e potenciar a súa pólvora ofensiva para igualar un encontro, o do pasado sábado, que parecía caer do noso lado. Por algo son a escadra máis anotadora do campionato. De vencer no encontro de mañá, accederían á súa segunda final da tempada. A outra, na Supercopa, perdérona contra o Melilla.
O empate (a estes efectos non se teñen en conta as quendas de penaltis) do primeiro partido da semifinal supuxo a nosa primeira igualada nun enfrontamento de playoff. Ademais, o balance particular de duelos contra as albivermellas no presente curso é de 1 triunfo conserveiro, 1 empate e 2 vitorias madrileñas.

