Si, Jesús de Nazaret Aicardo Collantes (Cádiz, 04/12/1988) enfundouse a camisola vermella do Reserpón Poio FS. O peche gaditano, procedente do Stellae Leis Pontevedra FS, é a primeira peza confirmada do cadro de xogadores que debutará por vez primeira na historia do club na Terceira División Nacional.
Para dimensionar o alcance desta fichaxe, faremos un repaso da traxectoria do recoñecido xogador, que posúe todos os títulos a nivel de clubs en España, así como unha Eurocopa coa selección. Comezou a súa carreira na súa provincia natal, entre os clubs AD Tiempo Libre, CCD Géminis e CD Virgili Cádiz (xa en Segunda División). En 2006 ficha polo Lobelle de Santiago (aínda que os dous primeiros anos permanece cedido no Virgili), co que debuta en Primeira División e consegue o seu primeiro título nacional, a Supercopa de España, así como catro Copas Galicia. Na súa etapa compostelá debutou coa selección española e proclamouse campión de Europa en 2012. Nese mesmo ano, no verán, asinou polo FC Barcelona e xa en novembro sería subcampión do mundo con España. No club catalán permaneceu nove tempadas, nas que conquistou tres Ligas, tres Copas de España, cinco Copas do Rei, dúas Supercopas de España, seis Copas Cataluña e dúas UEFA Futsal Champions League.
Tras o seu exitoso paso pola entidade blaugrana, Aicardo incorporouse ó Jaén Fútbol Sala, do que se desvinculou ano e medio despois para recalar no Peñíscola, co que logrou o ascenso a Primeira División e no que estivo outros dezaoito meses. Así, en 2024, incorporouse ó Stellae Leis Pontevedra FS, de Segunda División B, onde permaneceu durante as dúas últimas tempadas. No conxunto lerezano levantou o título de liga da Segunda División B en dúas ocasións, quedando ás portas do ascenso posteriormente. Coa selección española disputou 104 partidos.
Que un xogador do talento e da traxectoria de Aicardo se una ó noso equipo demostra a seriedade do proxecto do Poio Pescamar, tanto na súa sección masculina como na feminina, tradicionalmente máis recoñecida. O club continúa apostando polo crecemento do fútbol sala nun municipio que o respira polos catro costados, desde as súas praias ata os seus montes. Ninguén pode negar que Poio é fútbol sala e que o Poio Pescamar é un referente deste deporte a nivel estatal.

