O próximo venres, día 21 de novembro, terá lugar o histórico comezo do primeiro Mundial oficial de fútbol sala feminino, que se celebrará en Filipinas. Tras moitos anos de reivindicacións, a FIFA organizará este torneo, no que o Poio Pescamar brilla con luz propia ó ser o club que máis futbolistas ten participando nel.
Xa eramos coñecedores de dous logros incribles para a nosa entidade: ser o equipo con máis xogadoras na Selección Española e ter nunha ventá internacional sete convocadas (superando o anterior récord de seis). En concreto, referímonos a:
- Ale de Paz, Elena, Martita e Noelia Montoro con España.
- Pedreira e Débora con Portugal.
- Rafa Pato con Italia.
Agora, dende a propia web da FIFA, confírmase outro enorme fito que tiñamos en mente que fose posible. Somos un dos dous clubes do mundo que aporta sete futbolistas ó Mundial e, por tanto, o que máis representación ten entre os combinados nacionais participantes. A plusmarca compartímola co Nun’Álvares de Fafe, Portugal. Por detrás, con seis, está o Bardral Urayasu Las Bonitas, de Xapón. Ademais, se non vimos mal no listado de seleccións, somos o único club xunto ó Torreblanca Melilla que contribúe coas súas xogadoras a tres equipos nacionais diferentes.
É un enorme orgullo e unha gran satisfacción que o noso club quede ligado á historia do fútbol sala feminino mundial desta maneira, cun recoñecemento desta magnitude, á altura de poucos clubes no fútbol español. Sen dúbida, un premio a tantos anos de traballo cun proxecto de alto nivel e estable nun municipio pequeno como é Poio, onde o fútbol sala respírase cada día.
Obviamente, só queda desexar toda a sorte ás nosas futbolistas e que desfruten deste soño cumprido que é a disputa dun mundial. Oxalá algunha delas volva como campioa do mundo a Poio.

