Esta é unha desas noticias que damos cun sorriso de orella a orella, posto que fala da magnitude que posee o noso club no mundo do fútbol sala feminino. Sete das nosas xogadoras foron oficialmente convocadas polas súas seleccións para a concentración de cara ó Mundial de Filipinas, o primeiro oficialmente realizado pola FIFA.
Isto supón bater o recente récord de enviar seis futbolistas cos seus combinados nacionais, logrando unha máis. Tamén somos o club con máis representación na Selección Española, ó enviar catro integrantes. As convocadas son:
- España: Ale de Paz, Noelia Montoro, Elena e Martita.
- Portugal: Carolina Pedreira e Débora Lavrador.
- Italia: Rafa Pato.
Todas elas uniranse ás súas seleccións entre o domingo e o luns próximo, despois da disputa da novena xornada de liga, a última antes dun parón de mes e medio.
Con moito orgullo polo traballo realizado todos estes anos, desexámoslles a todas elas moita sorte nesta histórica cita para o fútbol sala feminino.

