Novas

T. 22/23 – 1º Partido Semifinal Playoff Liga | PREVIA

Xuñ 2, 2023

Por vez primeira non rematamos a tempada logo da xornada 30. O histórico segundo posto en liga fainos xogar a semifinal polo título ante o Burela (terceiro). A eliminatoria será ó mellor de tres partidos, comezando na Seca (sábado, 18:30h). En cada partido débese declarar un vencedor, polo que en caso de empate, haberá penaltis.

Con máis ilusión que ninguén arribamos á loita polo título. Os 75 puntos de 90 posibles (23 vitorias, 6 empates e 1 derrota) colocáronnos como segundas (a só dous puntos do primeiro, Futsi), na que é a nosa mellor clasificación histórica. Ademais, con 34 goles encaixados, somos o equipo menos goleado. Na parcela ofensiva, 95 tantos a favor sitúannos como as quintas máis anotadoras. Despois de dous empates consecutivos, vencemos na última xornada de liga regular por 2 – 1 precisamente ó Burela (segunda vez que lles superamos nun partido de liga).

No lado burelés, 72 puntos en liga, con 23 triunfos, 3 empates e 4 derrotas. Remataron como conxunto máis realizador con 159 goles, mentras que son o terceiro menos goleado (59). A derrota do pasado sábado curtou a súa xeira de catro vitorias seguidas e oito enfrontamentos sen perder. Gañadoras na presente campaña de Supercopa e Copa (así como a Copa Galicia), contan nas súas filas coa segunda, cuarta e sétima máximas goleadoras do campionato, que son, respectivamente: Emilly (28), Irene Samper (25) e Dany (23). A súa capitá, Peque, que se despide do club este ano, non queda atrás e acumula 19 goles.

En canto a pasados partidos, xa resumimos balance na anterior previa. Sabemos que, pese a gañarlles na ocasión anterior, a bagaxe élles moi favorable. Iso si, neste curso (contando o amistoso de pretempada e a Copa Galicia) empatamos dúas veces e cada club levou un triunfo.

Por último, lembramos ós afeccionados que veñan con antelación, en previsión de encher a bancada e que para optar ó desconto, deben vir de vermello (camiseta ou chaqueta, non serviría unha gorra, pañoleta ou similar).

 

CATEGORÍA: Previas